Novas

O Voluntariado de Activación Lingüística impulsado pola Mesa recibe unha axuda de 400.000 euros da Unión Europea
O voluntariado para a aprendizaxe do galego é a actividade central dun proxecto entre Galiza, Frisia, Francia e Grecia

Mesa de traballo das entidades parceiras do VolangteersO programa de Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística e que desde o comezo contou coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, acaba de recibir un forte impulso por parte da Unión Europea. Recoñecido agora como un referente a nivel continental, o voluntariado da lingua galega é a actividade central do proxecto denominado Volangteer-Learning Regional Lenguages through Volunteers, que se desenvolverá até 2010, no cal colaboran tamén representantes de Frisia, Francia e Grecia e que conta cunha axuda de 400.000 euros por parte da Unión Europea. Tanto desde a Vicepresidencia da Xunta como desde A Mesa se valorou con satisfacción este importante recoñecemento.

Esta mañá produciuse en Santiago un encontro de traballo entre todos os socios europeos que desenvolverán conxuntamente esta iniciativa, que nesta colaboración entre diferentes países de Europa, como Galiza e Frisia, está considerada como un proxecto inicial que posteriormente se estendá a outras linguas.

Segundo explicou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, este proxecto pretende promover a aprendizaxe e o uso das linguas minorizadas dos distintos estados da Unión Europea, co obxectivo de que aquelas persoas que proveñan doutros países poidan coñecela e empregala con normalidade na súa vida diaria. Tal e como salientou, con esta iniciativa supérase a clásica visión asistencialista do voluntariado e amósase o compromiso dos galegos e das galegas coa lingua, que funciona así como elemento de integración e unión entre persoas.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, valorou a importancia da colaboración entre “o movemento social en defensa do galego e os poderes públicos para conseguirmos adiantos no proceso de revitalización e extensión social do idioma propio de Galiza”. “O galego é un tesouro para compartirmos e un dereito, tamén un dereito de integración”, afirmou. Salientou ademais que desde que se puxo en andamento o VAL xa superaron con creces os 1.000 participantes.

Tamén estivo na xornada desta mañá o vice reitor da USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen afirmou que este proxecto suporá para a USC a consolidación do programa de acompañamento lingüístico de estudantes xurdido do VAL, converténdose así nun referente en Europa. Neste punto, salientou o éxito do programa de voluntariado no marco da universidade, que neste segundo ano de funcionamento duplicou xa o número de estudantes participantes, pasando de 300 no curso 2007-2008 a 600 no presente curso académico, a metade do total de estudantes de intercambio rexistrados.

Voluntariado da lingua

Poderán acollerse ás vantaxes deste programa tanto os estudantes de intercambio como os novos galegos e as novas galegas (inmigrantes ou emigrantes retornados) ou aquelas persoas provenientes de fóra de Galiza mais que desexen pasar un tempo no noso país e coñecer a súa lingua e cultura.

Así, ao longo de 10 meses entre os anos 2009 e 2010, emparellaranse as persoas destinatarias do proxecto con outras tantas persoas maiores de 18 anos, que saiban falar en galego e que voluntariamente, durante os ditos meses, manteñan un encontro semanal, no seu tempo de lecer, para colaborar co proxecto.

Nas sucesivas sesións, as parellas reuniranse para charlar de diversos temas, segundo os seus intereses (cultura, deporte, gastronomía...), así como tomar parte de distintas actividades tales como ir ao teatro, a un evento deportivo, unha feira gastronómica. Tratarase, en definitiva, de empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando deste xeito a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.



Ligazóns recomendadas
Bota a andar o Voluntariado de Activación Lingüística no Barco de Valdeorras
É o primeiro dos concellos ourensáns en pór en práctica esta actividade

O día 11 de decembro botou a andar formalmente o Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) no concello do Barco de Valdeorras, que se converte así no primeiro de toda a provincia ourensá en pór en andamento esta iniciativa.

Grazas ao interese amosado polo grupo comarcal da Mesa de Valdeorras e polo servizo de normalización lingüística do Concello do Barco, inicia a súa andaina neste municipio un proxecto que tenciona "achegar a lingua e cultura galegas a aquelas persoas que, temporal ou definitivamente, se instalan na nosa sociedade e, voluntariamente, desexan ter unha aproximación á lingua propia do territorio ao que veñen", tal e como se sinalou nos actos que tiveron lugar no día de onte para dar a coñecer o VAL.

Pola mañá tivo lugar na sede da Alcaldía do Barco unha conferencia de imprensa na que estiveron presentes o rexedor da localidade, Alfredo García, o responsábel do servizo municipal de normalización lingüística Xabier Roo, a responsábel de zona da Mesa de Valdeorras, Susana Méndez, o membro da directiva da Mesa Fran Rei, a coordenadora do VAL a nivel nacional, Raquel González Caamaño, e mais unha persoa xa interesada na iniciativa: unha traballadora do hospital comarcal de Valdeorras de orixe portuguesa que explicou que pensa recorrer a este proxecto para "mellorar o seu dominio oral do galego na súa vida diaria".

Xa pola tarde celebrouse no salón de actos do edificio multiusos do Concello un acto aberto a toda a cidadanía, sinaladamente dirixido a entidades sociais do Barco e a comarca, para explicar máis polo miúdo en que consiste o Voluntariado de Activación Lingüística e, por suposto, para as animar a tomar parte no mesmo.

Calquera persoa maior de idade pode apuntarse no VAL de xeito totalmente gratuíto, quer como voluntaria (persoa galegofalante habitual ou con bo dominio de galego) quer como activa (persoa aprendente que quere ter un achegamento á nosa lingua). A partir de aí fórmanse parellas lingüísticas que autoxestionan o seu tempo, co único requisito mínimo de se xuntaren cando menos durante dez sesións de unha hora de duración cada unha.

O Concello do Barco dispuxo xa unha serie de Puntos de Activación Lingüística onde todas as persoas interesadas poden anotarse ou solicitaren máis información. Eilos:

- Edificio multiusos do Concello: Servizo de Normalización Lingüística (1º andar)
- Teatro Lauro Olmo
- Biblioteca municipal Florencio Delgado Gurriarán
- Casa do Concello: Departamento de Emprego
- Casa Grande de Viloira: oficinas comarcais da Xunta



Ligazóns recomendadas
Universidade e Concello de Vigo únense á Mesa para promover o voluntariado a prol do galego
Máis dun milleiro de persoas participaron xa neste programa coordinado pola asociación en defensa da lingua

A Concellaría de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística de Vigo e a Universidade de Vigo colaborarán coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Vicepresidencia da Xunta -a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade- para pór en marcha na cidade o programa de Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), unha iniciativa deseñada pola Mesa para promover a cultura e a lingua galega e para activar a solidariedade e o intercambio cultural.

Esta iniciativa xa se está a desenvolver en varias cidades e poboacións galegas con grande éxito desde finais de 2006 e nela participaron máis dun milleiro de persoas. Coa incorporación da Universidade de Vigo a partir deste curso, o VAL xa está presente nas tres universidades de Galiza, como medio de acollida dos estudantes dos distintos programas de intercambio.

O programa está aberto a asociacións e a individuos. As persoas interesadas en participar, tanto membros da comunidade universitaria como a cidadanía en xeral, só teñen que cumprir un requisito: ser maiores de idade.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, salientou durante a presentación do acto “a disposición totalmente libre de prexuízos dos participantes foráneos para aprenderen a nosa lingua”. “Sexan estudantes de intercambio ou inmigrantes, novos galegos e novas galegas, valoran o feito de termos unha cultura propia e queren coñecela”.

En palabras do director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, o VAL permite “sumar amizade e a posibilidade de perfeccionar o galego, non só no caso das persoas de fóra, senón tamén no daquelas que queiran mellorar a súa competencia en galego”.

Segundo a concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Iolanda Veloso, é unha experiencia especialmente interesante nunha cidade como esta na que “a xente que chega aquí pode non ter contacto con xente que fale galego”. Segundo Veloso “no proceso de normalización cómpre pór en marcha accións que confirman que o galego se pode utilizar en todos os ámbitos, por que non é algo para conservar nun museo, senón para utilizar ".

O programa estabelece dúas categorías: ou voluntarios ou activos. As persoas voluntarias deben ter un bo nivel de galego e, a través del, compartirán os seus coñecementos da lingua e da cultura galega con outras persoas que o precisan. As activas son aquelas persoas que desexan coñecer máis sobre Galiza e sobre a súa lingua e cultura. En moitos casos, as activas poden ser persoas que veñen de fóra para se instalaren temporal ou permanentemente no noso país (estudantes, traballadores, etc), pero tamén pode ser calquera galego ou galega que queira afondar no coñecemento da nosa lingua.

A cada voluntario asignáselle un activo e ambos comprométense a relacionarse un mínimo de 10 sesións dunha hora, coa premisa de falar galego ou de tentar falalo o máximo posíbel. Trátase de superar as dificultades de falar en galego e poder aplicalo á vida cotiá, ademais de promover en moitos casos a relación de persoas de distintas culturas. As parellas que se conformen poderán facer o que sexa do seu interese, desde falar e xantar até ir ver unha exposición ou facer trámites administrativos. O programa propiciará ademais actividades de lecer e de intercambio.

Todas aquelas persoas que desexen participar non teñen máis que facernos chegar os seus datos no formulario que atoparán en 'Participa', ou chamando ao número 981 563 885.



Ligazóns recomendadas
Presentación das xornadas de outono do PAE (Programa de Acompañamento de Estudantes)
Un programa que, un ano máis, ofrece solidariedade e garante diversión

O estudantado da USC ten a vindeira terza, 7 de outubro, unha cita no Paraninfo do Colexio de Fonseca con arredor de 400 estudantes de intercambio doutras universidades. O evento está previsto para as 18.30 p.m. e comezará coa prensentación do programa pola man de representantes das entidades organizadoras. Intervirán o director xeral de Xuventude, Rubén Cela Díaz, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Manuel Callón Torres.

Estas xornadas están destinadas a calquera estudante da USC interesada ou interesado en agasallar co seu tempo de lecer ás e aos compañeiros que veñen estudar a Compostela.

Acoller na lingua propia de Galiza
A idea que vertebra esta iniciativa, e que parte do marco máis amplo do VAL (Voluntariado de Activación Lingüística, desenvolvido pola MNL e a Dirección Xeral de Xuventude), é dar a coñecer a nosa realidade, a nosa cultura, empregando como ferramenta de comunicación a lingua galega.
Neste sentido as entidades organizadoras propoñen unha serie de actividades, encamiñadas tamén a pór en valor a acción solidaria e o intercambio de coñecementos e experiencias. Os e as que se inscriban no programa compartirán cando menos 30 horas, distribuídas entre os meses de outubro e novembro, ocupadas con visitas guiadas a diversos enclaves culturais da cidade, xornadas de formación e outras actividades de carácter lúdico.

Para rematar, festexamos o primeiro encontro
Logo das intervencións serviranse uns petiscos de confraternización, para irmos rompendo o xeo e coñecendo as e os compañeiros tamén embarcados nesta proveitosa experiencia.

As e os interesados en anotarse están dentro do prazo até a vindeira cuarta, día 8.

Anímate e participa!


Encontros amistosos para festexar e aprender da diversidade
Máis de 60 estudantes participaron no PAE, programa de acompañamento lingüístico na USC

O estudantado galego volveu acompañar os e as estudantes de intercambio na súa chegada a Compostela. Arredor de sesenta persoas compartiron o seu tempo de lecer visitando diversos lugares de ocio e cultura composteláns, aproveitando estas horas para coñecérense e gozar da oferta lúdica que a cidade ofrece.

Este programa, desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, púxose en andamento por vez primeira a comezos do curso académico de 2007-2008, no mes de setembro, como fase experimental dun proxecto que consistía en activar a solidariedade e o intercambio cultural entre o estudantado galego e o estranxeiro na Galiza. Visto o éxito e a elevada participación deste primeiro certame do PAE (Programa de Acompañamento de Estudantes), repetiuse a experiencia durante o pasado abril.
A iniciativa propón fornecer de ferramentas e espazos de interactuación ás persoas interesadas en xogar un papel activo na tecedura dunha sociedade intercultural, baseada no coñecemento e o respecto pola diversidade.
Así, os e as participantes galegas agasallarán co que nós é propio e nos xungue, co noso patrimonio cultural e co vehículo que o porta: o galego.

As xornadas duran un total de 10 horas, durante as que, por parellas e en grupo, se asistirá a unha serie de actividades programadas. Ao remate, as persoas que tomaran parte, poderán validar estas horas por un crédito de libre elección.

Se desexades participar, podedes anotarvos nesta páxina web (especificando PAE no apartado de observacións); tende en conta que as próximas se celebrarán a comezos do vindeiro curso.

Espalla a túa lingua!
Válete do galego!


Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008 · 2009